Sunday 19 de May de 2024

O Concello de Boqueixón acomete o acondicionamento dunha parcela para ampliar espazo para o seu parque móbil


Completada a primeira fase desta actuación coa demolición dunha vivenda que se atopaba en desuso

O Concello de Boqueixón vén de iniciar a primeira fase do proxecto de acondicionamento dunha parcela situada a carón da sé de Protección Civil, xusto enfronte á Casa Consistorial. Este espazo destinarase a crear un aparcamento para o parque móbil municipal. A actuación conta cun orzamento de 40.000 €.

“Decidimos levar a cabo esta actuación porque a parcela na que se atopa Protección Civil non resulta suficiente para todo o parque móbil municipal. O acondicionamento da parcela contigua rematará cos actuais problemas de espazo e ofrecerá máis puntos de aparcamento para a veciñanza e visitantes que acoden a diario á Casa Consistorial”, explica o alcalde boqueixonés, Manuel Fernández Munín.

A primeira fase do proxecto implicou o derrube dunha vivenda que levaba varios anos en situación de abandono. A continuación, procederase ao acondicionamento de toda a parcela, de arredor de 1.000 metros cadrados, para a creación do parque móbil municipal. Do mesmo xeito, prevese a habilitación dunha estrutura metálica na que se poderán estacionar ata 4 vehículos deixándoos resgardados. A actuación completarase co correspondente peche da parcela.

O parque móbil do Concello de Boqueixón está composto por un total de 13 vehículos: 2, tractores, 1 pala, 3 todoterrenos. 2 pick-up, 3 furgonetas (2 pequenas e unha grande) e 2 motobombas. Ademais, incorporarase en breve un camión para o lixo.

A parcela na que se atopa a sé de Emerxencias de Boqueixón quedouse pequena para todos os vehículos dos que dispón o Concello. Por iso, algúns deles teñen que quedar aparcados nas zonas habilitadas para estacionamento público reducindo, deste xeito, o espazo dispoñible para visitantes.